Saltar a: Menu | Cuerpo | Pie

< volver

A XERENTE DE “SEA” VISITA O CONCELLO E O POLÍGONO DE RÁBADE, QUE SUMARÁ UNHA NOVA EMPRESA DE TRANSPORTES

20 de julio de 2020  por Suelo Empresarial del Atlántico
Foto

A XERENTE DE “SEA” VISITA O CONCELLO E O POLÍGONO DE RÁBADE, QUE SUMARÁ UNHA NOVA EMPRESA DE TRANSPORTES

• A xerente de Suelo Empresarial del Atlántico, Beatriz Sestayo, mantivo unha reunión con Kiko Fernández Montes, alcalde de Rábade, para abordar de primeira man o futuro industrial do concello

• Sestayo informou ao alcalde da futura instalación dunha nova empresa, vinculada ao sector dos transportes, no polígono de Rábade, que xestiona SEA

• Sestayo puxo en valor a importancia deste polígono, moi vinculado a un sector punteiro e de futuro como os transportes, e no que xa está vendida case o 90% da súa superficie

LUNS, 20 de xullo de 2020

Unha nova empresa vinculada ao sector do transportes implantarase no polígono de Rábade (Lugo), un dos que conta con maior ocupación dos 13 de “Suelo Empresarial del Atlántico”, “SEA”. Así llo transmitiu a xerente, Beatriz Sestayo, ao rexedor de Rábade, Kiko Fernández, na reunión mantida este luns no Concello co obxectivo de abordar de primeira man o futuro industrial da localidade.

Beatriz Sestayo desprazouse despois co alcalde ao polígono de Rábade, no que se atopan instaladas empresas como Finsa, Conxelados Sariego, Piscinas Norgalicia, Rabadense de Transportes ou Transportes Jonnathan, é a que se sumará una nova compañía deste último sector, tras as negociacións con SEA.

Sestayo destacou a importancia do establecemento de “sinerxias” nos distintos polígonos e puxo en valor o crecemento do sector de transportes neste parque empresarial, que se atopa preto do 90% de ocupación.

En canto se adxudique de xeito formal a nova parcela comunicarase o nome da compañía que se sumará ás que xa se atopan na actualidade nas tres fases do polígono. A superficie total da área industrial ascende a 323.116 metros cadrados.

A xerente de SEA agradeceu a boa colaboración e disposición do alcalde, Kiko Fernández, para traballar de xeito conxunto no futuro industrial da localidade.

Sestayo lembrou que Suelo Empresarial del Atlántico xestiona 13 parques empresariais en Galicia, que suman máis de 4 millóns de metros cadrados, situados nas provincia de Lugo --Monforte de Lemos, Mondoñedo, Chantada e Rábade—, da Coruña –Malpica, Vimianzo, Cee, A Laracha, A Pobra do Caramiñal, Muros e Rianxo—e de Pontevedra –Vilanova de Arousa e Catoira- e nos que se asentan máis dun centenar de empresas.

Suelo Empresarial do Atlántico, S.L., S. M.E., é unha sociedade participada nun 83,44% polo Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, a través de Sepes; nun 14,26% pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo; nun 1,65% por ABANCA e un 0,65% pola Xunta, e creada co obxectivo de desenvolver e comercializar parques empresariais en Galicia.