Saltar a: Menu | Cuerpo | Pie

< volver

“SEA” E O CONCELLO DE COLES ESTABLECEN CONVERSAS PARA ANALIZAR OPCIÓNS DE CHAN LOXÍSTICO NESTA LOCALIDADE OURENSÁ

23 de enero de 2020  por Suelo Empresarial del Atlántico
Foto

    • A xerente de Suelo Empresarial do Atlántico “SEA”, Beatriz Sestayo e o alcalde de Coles, Manuel Rodríguez Vázquez, mantiveron unha reunión para analizar as distintas opcións existentes e coincidiron na importancia da loxística como vía de futuro para o ámbito empresarial e industrial

Xoves, 23 de xaneiro 2020

A xerente de Suelo Empresarial del Atlántico, S.L. SME (SEA), Beatriz Sestayo e o alcalde do Concello de Coles, Manuel Rodríguez Vázquez mantiveron hoxe xoves unha reunión nas dependencias de SEA en Santiago de Compostela para analizar as distintas opcións existentes para o desenvolvemento de chan loxístico e industrial nesta localidade ourensá.

Beatriz Sestayo e Manuel Rodríguez Vázquez coincidiron nas grandes oportunidades que existen en Coles, ante a futura Vía de Alta Capacidade da Autovía Ourense-Lugo e a finalización do AVE.

“O futuro empresarial vai máis aló dos polígonos industriais tradicionais e pasa pola loxística, polo que animo á SEA a estudar a súa viabilidade”, resaltou o alcalde, Manuel Rodríguez.

A xerente de SEA, Beatriz Sestayo, coincidiu en analizar novas sinerxias empresariais e na importancia do sector loxístico como “vía de futuro” no sector industrial.

Sestayo precisou que Suelo Empresarial del Atlántico analizará as posibilidades de proxecto, unha vez que o Concello remita unha memoria explicativa concreta. A xerente de SEA destacou ademais “o esforzo e o traballo” do alcalde de Coles para buscar alternativas de futuro que permitan crecer a economía da súa área e asentar poboación.

Suelo Empresarial del Atlántico, S.L., S. M.E., é unha sociedade participada nun 83,44% polo Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, a través de Sepes; nun 14,26% pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo; nun 1,65% por ABANCA e un 0,65% pola Xunta, e creada co obxectivo de desenvolver e comercializar parques empresariais en Galicia.