Saltar a: Menu | Cuerpo | Pie

< volver

“SEA” E O CONCELLO DE RIANXO CONFIRMAN A APOSTA DE “CONSERVAS CERQUEIRA” POLO POLÍGONO, QUE SE CONVERTERÁ ASÍ EN PUNTO NEURÁLXICO DO SECTOR CONSERVEIRO

16 de octubre de 2020  por SUELO EMPRESARIAL DEL ATLÁNTICO
Foto

A xerente de Suelo Empresarial del Atlántico, Beatriz Sestayo, informou en Rianxo, acompañada do alcalde e a tenente de alcalde, das xestións con Conservas Cerqueira que permitirán que o parque empresarial acolla nun futuro as instalacións dunha empresa que consolida a súa aposta pola comarca

 

“Para Rianxo e para toda a comarca é unha moi boa noticia porque a empresa continuará no Barbanza, con actividades sostibles e unhas instalacións pioneiras que permitirán a creación de máis postos de emprego”, destacou Beatriz Sestayo

Aínda que o volume da operación comunicarase cando se proceda á venda definitiva, SEA e o Concello avanzaron que se tratará dunha venda de grande envergadura, coa que o polígono poderá alcanzar unha ocupación de preto do 70%

Venres, 16 de outubro de 2020

         A xerente de Suelo Empresarial del Atlántico, Beatriz Sestayo, xunto co alcalde de Rianxo, Adolfo Muiños e a tenente de alcalde, Carmen Figueira, informaron este venres aos medios, ante o interese suscitado, das negociacións pechadas cunha importante empresa da comarca, que se instalará no polígono da localidade, cunha repercusión decisiva no desenvolvemento socioeconómico da zona.

         Na Casa Consistorial, a xerente de “SEA” transmitiu, en aras da transparencia, unha “moi boa noticia, que é que Rianxo contará en breve cunha empresa moi importante”, Conservas Cerqueira, que se instalará no parque empresarial que xestiona SEA. Esta operación permitiralle executar a súa expansión e crear máis postos de traballo, nunha aposta firme pola comarca do Barbanza.

         Se ben lle corresponderá á empresa comunicar de xeito pormenorizado os seus proxectos empresariais, Beatriz Sestayo resaltou que se trata dun proxecto con perspectiva sostible e instalacións pioneiras, que se ubicará en varias das parcelas dispoñibles e que elevará a ocupación do polígono ata o 70%.

         Sestayo puxo ademais en valor o feito de que a liña de difusión e impulso dos polígonos que está a desenvolver dende “SEA” comeza a dar os seus froitos, con cinco novas empresas en Rianxo en apenas ano e medio –Transportes Potel, Renobat, Proameixa, Mar da Pobra e Conservas Cerqueira-.

         Asimesmo, tamén aproveitou para agradecer ao Concello e ao seu goberno local a colaboración establecida e a priorización do interese público e colectivo.

         Pola súa banda, o rexedor, Adolfo Muíños valorou a labor e a xestión de promoción e difusión de Suelo Empresarial del Atlántico que, sumada á tarefa do Concello de dar a coñecer este polígono, está a dar enormes resultados.

         “Vai ser a empresa máis importante do parque empresarial, tanto en actividade como en número de traballadores, cun proxecto respectuoso co medio ambiente, que impulsará poñer en marcha instalacións como a nosa depuradora no polígono, e que o consolidará no sector conserveiro, emblema da ría de Arousa”, explicou.

         En canto se peche esta operación estará ademáis “xustificado”, avanzou, “comezar a pensar na necesidade de máis chan industrial en Rianxo para nun futuro ter os deberes feitos no planeamento urbanístico de Rianxo”.

         Unha boa noticia que a tenente de alcalde, Carmen Figueira, incidiu en que “é un ben para toda a comarca, porque se se ten traballo esto benenficia a todos”.

         Na actualidade, o polígono de Rianxo xa conta con 16 empresas, entre as que se atopan Cortizo, Transagonza, Proafer, Metales Taragoña, La Cambra o Talleres Milocho. A superficie bruta do parque empresarial ascende a 317.728 metros cadrados -neta de 200.156-, e dispón de excelentes comunicacións a través da Autovía do Barbanza (AG-56), a Autopista do Atlántico AP-9 e a N-550.

            O parque empresarial de Rianxo é un dos 13 que xestiona “SEA” en Galicia e que suman máis de 4 millóns de metros cadrados, situados nas provincia de Lugo --Monforte de Lemos, Mondoñedo, Chantada e Rábade—, da Coruña –Malpica, Vimianzo, Cee, A Laracha, A Pobra do Caramiñal, Muros e Rianxo—e de Pontevedra –Vilanova de Arousa e Catoira- e nos que se asentan máis dun centenar de empresas.

          Suelo Empresarial do Atlántico, S.L., S. M.E., é unha sociedade participada nun 83,44% polo Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, a través de Sepes; nun 14,26% pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo; nun 1,65% por ABANCA e un 0,65% pola Xunta, e creada co obxectivo de desenvolver e comercializar parques empresariais en Galicia.