Saltar a: Menu | Cuerpo | Pie

< volver

“SEA” PONSE A DISPOSICIÓN DO CONCELLO DA POBRA PARA AVALIAR A AMPLIACIÓN DO POLÍGONO DA TOMADA

20 de febrero de 2020
Foto

• A xerente de Suelo Empresarial do Atlántico, Beatriz Sestayo, e o alcalde da Pobra, Xosé Lois Piñeiro, acordaron que o Concello realizará un estudo para avaliar as posibilidades de ampliación e a demanda real existente
• A última fase do polígono empresarial da Tomada, de 106.000 metros cadrados, agotouse o pasado ano tras a venta a seis empresas, só catro anos despois da súa inauguración

Xoves, 20 de febreiro de 2020

A xerente de Suelo Empresarial do Atlántico, Beatriz Sestayo, realizou esta mañá unha visita ao Concello da Pobra do Caramiñal, localidade na que se ubica un dos 13 parques empresariais que xestiona a entidade, onde se reuniu co alcalde Xosé Lois Piñeiro e a concelleira Patricia Lojo.

  Despois de que a finais do ano pasado, SEA vendera as últimas parcelas dispoñibles no parque empresarial da Tomada, a reunión estableceuse como primeira toma de contacto de cara a avaliar as posibilidades de ampliar o polígono, un dos máis puxantes da zona.

Na reunión, estudáronse as distintas posibilidades, dado que as parcelas que quedan libres no polígono son as do Concello e como resaltou o rexedor, “non son oferta suficiente para o dinamismo que ten o polígono industrial”.

A xerente de SEA transmitiu a súa satisfacción pola celebración dunha reunión que foi completamente “satisfactoria” e a primera que se desenvolve dende que a xerente se puxo a disposición do Concello xa no mes de abril do ano anterior. “Temos moitísimos puntos en común” sobre o polígono, resaltou.

Beatriz Sestayo recordou que en 2019 finalizouse a venta dos terreos dispoñibles de A Tomada, tan só catro anos despois da súa inauguración, coa ocupación total dos 106.000 metros cadrados dispoñibles, por parte de ata 6 empresas.

“Puxémonos a disposición do Concello. En caso de que testemos esa demanda que o Concello coñece mellor que ninguén, porque está en contacto continuo co sector, e no caso de que haxa terreos dispoñibles, como así parece, estaríamos dispostos a abordar esa ampliación”, explicou.

“Dende a SEA queremos dar todas as posibilidades de crecemento socio-económico a Galicia e poder asentar empresas que xeren emprego e que permitan que a xente se quede na súa terra o desenvolver as súas actividades empresariais en Galicia ou que veñan a Galicia a invertir, que sempre é un bo lugar”, engadiu.

PRÓXIMOS PASOS

Beatriz Sestayo lembrou que existen dous requisitos para afrontar a ampliación e pasan por que exista demanda empresarial e pola disposición dos terreos adecuados, que “é o que van testar dende o Concello e que nós esperamos avaliar en concreto”.

Segundo explicou o alcalde, “o acordo é que o Concello fará un estudo para buscar a ubicación máis idónea e orográfica, sen que se produza unha afección ás vivendas próximas e buscando a ubicación idónea. Despois o enviaremos á SEA para avaliar as posibilidades”.

Tras unha reunión “moi satisfactoria”, explicou aos medios de comunicación que o Concello terá que facer “un estudo do mercado, da demanda actual”, se ben puntualizou que “cremos que existe esa demanda”. “Esperemos que nun prazo temporal moderado podamos dicir que esa ampliación  é unha realidade”.

O obxectivo será que a ampliación sexa, como mínimo, a unha superficie similar. Para iso, o Concello manterá reunión cos empresarios do polígono e da localidade.

Tamén a edil Patricia Lojo avanzou que confía en que vaia producirse unha “comunicación moi fluida e que se chegue a acordos”, polo que será “importantísimos” que “nos poñamos a traballar para a futura ampliación”.

Na actualidade, SEA está elaborando ademáis o seu primeiro plan estratéxico, en busca dunha estratexia que permita coñecer as necesidades das empresas para asentarse nos parques empresariais.

“SUELO EMPRESARIAL DEL ATLÁNTICO”

Suelo Empresarial do Atlántico xestiona 13 parques empresariais en Galicia, que suman máis de 4 millóns de metros cadrados, situados nas provincia de Lugo --Monforte de Lemos, Mondoñedo, Chantada e Rábade—, da Coruña –Malpica, Vimianzo, Cee, A Laracha, A Pobra do Caramiñal, Muros e Rianxo—e de Pontevedra –Vilanova de Arousa e Catoira- e nos que se asentan máis dun centenar de empresas.

Suelo Empresarial do Atlántico, S.L., S. M.E., é unha sociedade participada nun 83,44% polo Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, a través de Sepes; nun 14,26% pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo; nun 1,65% por ABANCA e un 0,65% pola Xunta, e creada co obxectivo de desenvolver e comercializar parques empresariais en Galicia.